Sunday 05 de May de 2024

Aberta a convocatoria para participar na III edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico – Reserva da Biosfera


Os establecementos hostaleiros interesados poderán inscribirse ata o 9 de setembro

Do 7 ao 23 de outubro, a hostalaría coruñesa celebra a cociña con produtos de proximidade nestas xornadas da Reserva de Biosfera

As Xornadas Gastronómicas Territorio- Reserva da Biosfera volven á cidade da Coruña no mes de outubro. Do 7 ao 23 de outubro celebrarase na cidade a terceira edición do evento, que celebra a gastronomía elaborada coa materia prima e produtos de proximidade da Reserva de Biosfera.

Desde o mércores 17 de agosto, e ata o venres 9 de setembro, ás 14:00 horas, os establecementos interesados en formar parte poderán facer efectiva a súa solicitude de participación.

Poderán presentarse ata 20 establecementos de hostalaría da Coruña que inclúan na súa carta un menú, prato ou proposta gastronómica elaborada cun produto da Reserva de Biosfera como protagonista. As propostas deberán estar especificamente deseñadas para Territorio Atlántico e deben salientar a calidade e excelencia da gastronomía atlántica. As bases completas poderán consultarse na web territorioatlantico.es. A participación é gratuíta.

A través das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña busca promocionar a Dieta Atlántica, cos seus alimentos de produción sostible e en apoio da economía local, promovendo un consumo de proximidade e saudable.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e
Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de

Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.